2 de nov. de 2015

Concurso de carteis para anunciar TEATROFILIA 2016



A Asociación Cultural Papaventos convoca o concurso de carteis para anunciar a XIII Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, que se celebrará no mes de marzo de 2016.

As bases do concurso son:

1 - PARTICIPANTES

• Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, agás os membros da Asociación Cultural Papaventos e familiares directos.
• Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.

2 - TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

• Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema.
• Os/as creadores/as dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.
• O tamaño dos carteis debe ser formato A3 (297x420mm).
• Poderán realizarse con calquera técnica (pictórica, fotográfica, informática, etc.).
• No cartel figurará rotulado:


Teatrofilia
XIII Mostra de Teatro Amador de Vedra


• É obrigatorio empregar a tipografía “Alba” para a palabra Teatrofilia. Esta pódese descargar no seguinte enderezo web: http://www.fontreactor.com/
• Deberase ter en conta que nalgún lugar do cartel irá a programación da mostra así coma os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia.
• O xurado deste concurso valorará a orixinalidade dos carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

3 - PRESENTACIÓN

• A data límite para a presentación de carteis é o 4 de xaneiro de 2016.
• En ningún caso o cartel deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.
• Os participantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación (nome e apelidos, número de teléfono e correo electrónico, data de nacemento no caso de ser participante do accésit infantil) do autor/a ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do traballo en soporte informático.
• Os sobres pechados xunto cos carteis poderanse presentar ata o 4 de xaneiro (inclusive) na Casa do Concello de Vedra ou a través de correo postal ao seguinte enderezo: 


Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9 CP 15885 Vedra (A Coruña).

4 - PREMIOS

• O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.
• Cada participante deste concurso será obsequiado cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia que poderán recoller na súa billeteira.
• Do mesmo xeito, concederase un premio accésit ao mellor cartel infantil (3-12 anos).

5 - XURADO

• O xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.
• A Asociación Cultural Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio no caso de que ningún cartel acade os requisitos demandados.
• O veredicto do xurado darase a coñecer nos 15 días seguintes á finalización do prazo de entrega a través da páxina web do Concello de Vedra, no boletín informativo do Concello, redes sociais (Facebook) e neste blog.
• O veredicto do xurado será inapelable.

6 - TRABALLOS PREMIADOS

• O cartel que resulte elixido para anunciar a XIII edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso, adaptación e explotación á Asociación Cultural Papaventos, que o empregará en formato dixital e impreso para difundir dita edición de Teatrofilia.
• Tanto o premio do cartel gañador como o accésit infantil serán entregados aos seus autores/as o día da inauguración de Teatrofilia.

7 - TRABALLOS NON PREMIADOS

• Todos os traballos serán expostos durante a mostra. Aqueles autores/as que desexen recoller a obra dispoñen dun prazo de 15 días depois do remate da XIII edición de Teatrofilia.

8 - PUBLICIDADE

• Os sucesivos anuncios e novas sobre este concurso de carteis serán publicados neste blog e na páxina web do Concello de Vedra.

9 - NORMA FINAL

• Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.