8 de dec. de 2008

Novas, novas, novas...

Un ano máis, A.C.Papaventos convoca o concurso de carteis para Teatrofilia. As bases están no post anterior e, se tedes algunha dúbida, podedes dirixirvos a nós mediante o correo electrónico, ac_papaventos@yahoo.com. Xa vedes que, aínda que faltan meses para a Mostra, xa temos que poñernos a traballar :)

Ademais disto, temos outras cousas que contarvos! Andaravía gañou o 3º premio do concurso GzCrea, coa obra Metus Extremus!! Todos nos sentimos moi satisfeitos e sempre é bo compartir con vós o que nos pasa, sobre todo, se é positivo :). O próximo martes 16 iremos ao Teatro Principal de Santiago de Compostela á gala, e logo intentaremos colgar fotos.

Por outra banda, coma sempre, nós seguimos traballando para poder ofrecervos máis cultura, máis entretemento, máis arte... máis teatro. Como este ano a familia aumentou, e xa case non cabemos no escenario nunha soa fila, tivemos que dividirnos en dous grupos Andaravía, e fixémolo en base ao horario que nos conviña para asistir ás clases de teatro.

Isto ten as súas vantaxes e desvantaxes. A nós gustaríanos traballar todos xuntos, pero sabemos que é moi complicado buscar e facer unha obra de case 20 persoas... Así que o que facemos é compartir todos xuntos un cuarto de hora cando temos as clases. Pero o espírito é o mesmo e Andaravía non hai máis ca un! E director, tampouco hai máis ca un! E o bo é que, se todo vai ben, en 2009 haberá teatro por partida doble.

Xa vos seguiremos informando destas e outras cousas. Un saúdo a todos!!

III edición concurso de carteis --- Teatrofilia VI

A Asociación Cultural Papaventos convoca un concurso de carteis para anunciar a VI Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, que se celebrará en marzo do 2009.

AS BASES DO CONCURSO SON:

1ª) PARTICIPANTES
- Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non veciños de Vedra, excepto os membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Un mesmo autor/a poderá presentar o número de carteis que desexe.

2ª) TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
- Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro, xa que o obxectivo é anunciar Teatrofilia, a Mostra de Teatro Amador de Vedra. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema, sempre e cando promova a difusión de dita Mostra.

- Os creadores dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.

- O tamaño dos carteis é libre, así como a técnica empregada.

- Na parte superior do cartel figurará rotulado:
Teatrofilia
VI Mostra de Teatro Amador de Vedra

O concursante ten a posibilidade de engadir este lema el mesmo ou de deixar un espazo libre para a súa posterior rotulación.

- Deberase ter en conta que en algún lugar do cartel irán os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia, polo que se recomenda deixar un pequeno espazo libre na parte inferior.

- O xurado deste concurso valorará a orixinalidade do carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

- As modificacións que teñan que introducirse no cartel a posteriori de cara á súa publicación faranse en colaboración co seu autor.


3ª) PRESENTACIÓN
- A data límite para a presentación de carteis é o 10 de xaneiro de 2008.

- En ningún caso o cartaz deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.

- Os concursantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación do autor ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do arquivo en soporte informático e unha carta na que se indique o nome e o teléfono de contacto do autor/a.

- Os sobres pechados xunto cos carteis presentaranse no Concello de Vedra ou poderán remitirse á seguinte dirección:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9
CP 15885, Vedra (A coruña)

4ª) PREMIOS
- O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.

- Todos os participantes deste concurso serán obsequiados cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia que poderán recoller no Concello ou na billeteira en Teatrofilia.

5ª) XURADO
- O Xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio en caso de que ningún cartaz acade os requisitos demandados.

- O fallo do xurado darase a coñecer aos 15 días seguintes da finalización do prazo de entrega a través deste mesmo boletín e do blog de Papaventos, www.asociacionpapaventos.blogspot.com.

- O veredito do xurado será inapelable.

6ª) TRABALLOS PREMIADOS
- O cartel que resulte elexido para anunciar a VI edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso e explotación á Asociación Cultural Papaventos e poderá ser utilizado sobre calquera soporte gráfico, Internet, merchandising, etc.

- O autor/a do cartel gañador recibirá os 250€ o día da inauguración de Teatrofilia VI.

7ª) TRABALLOS NON PREMIADOS
- Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores unha vez resolto o concurso, nun prazo de trinta días a partir da publicación do gañador.

- Se os traballos non premiados non se demandan no prazo indicado, Papaventos entenderá que os seus autores renuncian á súa propiedade, podendo destruilos ou darlle o destino que crea máis oportuno.

8ª) PUBLICIDADE
- Os sucesivos anuncios e novas sobre este Concurso de Carteis serán publicados en
www.asociacionpapaventos.blogspot.com e no Boletín do Concello de Vedra.

9ª) NORMAS FINAIS:
- Papaventos resérvase a posibilidade de organizar unha exposición cos carteis presentados sen que iso dea dereito a ningún tipo de retribución para os concursantes.

- Se algún dos autores desexa manter o anonimato en caso de que se celebre a exposición de carteis, deberá expresarllo á Asociación Cultural Papaventos (e-mail:
ac_papaventos@yahoo.es , teléfonos de contacto: 626937587 / 686994089).

- Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.