27 de mar. de 2006

Día mundial do teatro

Onte, en Teatrofilia, limos o manifesto que escribiu o dramaturgo mexicano Víctor Hugo Rascón para conmemorar esta xornada de reivindicación e homenaxe teatral. Velaquí algúns fragmentos:
O teatro conmove, ilumina, incomoda, perturba, exalta, rebela, provoca, trasgrede. É unha conversa compartida coa sociedade. O teatro é a primeira das artes que se enfronta coa nada, coas sombras e co silenzo para que xurdan a palabra, o movemento, as luces e a vida.
O teatro é un feito vivo que se consume a si mesmo mentras se produce, pero sempre renace das cinzas. É unha comunicación máxica na que cada persoa dá e recibe algo que a transforma.
O teatro ten inimigos visibles, a ausencia de educación artística na nenez, que impide descubrilo e gozalo; a pobreza que invade ó mundo, alonxando ós espectadores das butacas e a indiferencia e o desprezo dos governos que deben promovelo.
Polo que a nós respecta, todo segue vento en popa. Aínda que o tempo destes días parecía propio de tormentas do Amazonas, dinme de conta de que o local de teatro débelles resultar acolledor ós nosos espectadores, porque a asistencia non baixou nada, senón todo o contrario.
Nós estamos encantados, aínda que de vez en cando atopemos "sorpresiñas". Aceptamos críticas, que para iso poñemos á disposición de todos este blog e o correo electrónico, pero non podemos permitir que se falte á verdade. Así que eu direi que:
1) Non sei se tódolos veciños de Vedra lle concederon o privilexio de actuar como portavoz a "Yony", pero dubídoo.
2) As palabras que pon "Yony" en boca de Mourinho non son as mesmas que dixo o futbolista ("Cataluña es un país de cultura y sabéis lo que es el teatro"). Ademais, non entendo moi ben por qué mestura a velocidade co touciño...
3)"Os veciños de Vedra xa nos estamos cansando do teatro do PSOE". Uf, non sei se "Yony" (que volve actuar como portavoz dos veciños vedreses) se refire a que o governo do concello fai teatro ou que. Se é unha crítica neste sentido, o concello ten unha web e un correo para deixar suxestións ou o que se queira, pero unha nova de Teatrofilia non é lugar. Pero como o que di "Yony" se pode entender doutra maneira e dar lugar a equívocos, deixo ben clariño que Teatrofilia é unha mostra organizada pola Asociación Cultural Papaventos, totalmente independente do concello e libre de todo partidismo político. Somos os compoñentes de Papaventos "os que poñemos o lombo e pagamos co noso corpo", como diría Antón, para sacar adiante catro fins de semana de teatro. Polo de agora, non semella que a xente se canse "de ver teatro", ¿ou é que 110 persoas, que foi o mínimo de asistencia polo de agora, non contan nada? Preguntade no Principal de Santiago a ver canta xente ten habitualmente calquera das obras profesionais que poida representarse nel... Governe quen governe, nos intentaremos sempre, sempre seguir con Teatrofilia e co teatro en Vedra, que é a nosa terriña.
Non pretendo influir nos gustos de cadaquén. O teatro, igual que o cine, a lectura ou o deporte, pode gustar ou non, pero non se deben confundir nin termos nin falar do que non se sabe. Non sei se alguén quere engadir algo máis. Eu tan só digo que... ¡viva o teatro! Hoxe toca celebralo.
Sara

20 de mar. de 2006

Abriuse o telón

Éxito. De novo, esta é a palabra que mellor pode definir a primeira fin de semana de Teatrofilia III, aínda que poderiamos engadirlle "total y rotundo", como dirían en Jrelos Crest, dos nosos colegas de Ullán. En fin, que aínda que o tempo non acompañou, a xente si: a media de espectadores foi dunhas 200 persoas por día. Nada, nada mal se consideramos que, ás veces, se fan funcións -importantes e todo ¿eh?- para 10 persoas ou menos. Nós tamén podemos dar fe.
Os cinco espectáculos teatrais que se representaron gozaron en xeral de boas críticas (digo en xeraaaaal, que para gustos, cores), aínda que non podemos negar que tanto a acollida de A picadura da galiña -dos futuros actores e actrices vedreses- como a de Bicos, a nosa obra, quizais foron máis calurosas que a de ningunha outra. Iso que a noite do sábado coincidiu con moitas outras cousas: que se cea dos Pepes, que se cea das Mulleres Rurais, excursións, etcétera. Así que a todos os que nos acompañastes, moitas gracias. Estamos moi orgullosos.
Para nós foi moi especial volver subir ó escenario de Teatrofilia, actuar enfrontándonos ás miradas e as críticas (no bo sentido da palabra, jeje) dos nosos veciños, recibir unha salva de aplausos e tamén ver que o noso compañeiro Breo volvía ás táboas do escenario, aínda que nada máis fose para presentar a nosa actuación maila dos cativos. Por certo, díxonos que todos deberiamos deixar unha tempada o teatro para velo dende fóra -a nosa obra, vaia-. Uhm... ¿farémoslle caso?
O certo é que cada día de Teatrofilia nos resulta especial, aínda que non sexamos nós os que actuemos. Gústanos colocar as cadeiras, vender entradas, recollelas, atender ós grupos que veñen actuar, ver como se enche o salón cada día e como se baleira. Como non, tamén nos gusta celebralo. É unha rutina fermosa, desas polas que non te soes queixar. E, alomenos eu, xa non concibo marzo e abril sen teatro.
A festa de Teatrofilia continúa. Lembrade que esta fin de semana hai máis teatro! Agardámosvos a todos.
Sara
P.D.: Atopei isto en internet, pa que vexades que Teatrofilia, anda algo pola rede adiante ;)

13 de mar. de 2006

Teatrofilia 2006


Ola! Aquí andamos os papaventos montando Teatrofilia 2006. Máis ou menos, xa está todo a punto. Velaí tedes a portada do noso díptico deste ano. Traemos un cartelazo!!! Espero que todos e todas vos pasedes por alí, porque ten moi pero que moi boa pinta.

11 de mar. de 2006

Teatrofilia 2006

Xa está en marcha a preparación de Teatrofilia 2006. Dende o 17 de marzo ata o 8 de abril poderás disfrutar das mellores representacións de Teatro Afeccionado en Vedra. Máis novas próximamente.