22 de out. de 2006

I Concurso de carteis para Teatrofilia

A Asociación Cultural Papaventos convoca un concurso de carteis para anunciar a IV Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, que se celebrará entre marzo e abril de 2007.

AS BASES DO CONCURSO SON:

1ª) PARTICIPANTES
- Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non veciños de Vedra, excepto os membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Un mesmo autor/a poderá presentar o número de carteis que considere oportuno.

2ª) TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
- Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro, xa que o obxectivo é anunciar Teatrofilia, a Mostra de Teatro Amador de Vedra. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema, sempre e cando promova a difusión de dita Mostra.

- Os creadores dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.

- O tamaño dos carteis é libre, así como a técnica empregada.

- Na parte superior do cartel figurará rotulado:
Teatrofilia e debaixo, cunha tipografía máis reducida,
IV Mostra de Teatro Amador de Vedra

O concursante ten a posibilidade de engadir este lema el mesmo ou de deixar un espazo libre para a súa posterior rotulación.

- Deberase ter en conta que en algún lugar do cartel irán os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia, polo que se recomenda deixar un pequeno espazo libre.

- O xurado deste concurso valorará a orixinalidade do carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

- As modificacións que teñan que introducirse no cartel a posteriori de cara á súa publicación faranse en colaboración co seu autor.


3ª) PRESENTACIÓN
- A data límite para a presentación de carteis é o 31 de xaneiro de 2007.

- En ningún caso o cartaz deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.

- Os concursantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación do autor ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do arquivo en soporte informático e unha carta na que se indique o nome e o teléfono de contacto do autor/a.

- Os sobres pechados xunto cos carteis presentaranse no Concello de Vedra ou poderán remitirse á seguinte dirección:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9
CP 15885, Vedra (A coruña)

4ª) PREMIOS
- O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.

- Todos os participantes deste concurso serán obsequiados cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia.

5ª) XURADO
- O Xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio en caso de que ningún cartaz acade os requisitos demandados.

- O fallo do xurado darase a coñecer aos 15 días seguintes da finalización do prazo de entrega a través deste mesmo boletín e do blog de Papaventos, www.asociacionpapaventos.blogspot.com.

- O veredicto do xurado será inapelable.

6ª) TRABALLOS PREMIADOS
- O cartel que resulte elexido para anunciar a IV edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso á Asociación Cultural Papaventos e poderá ser utilizado sobre calquera soporte gráfico, Internet, merchandising, etc.

- O autor/a do cartel gañador recibirá os 250€ o día da inauguración de Teatrofilia IV.

7ª) TRABALLOS NON PREMIADOS
- Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores unha vez resolto o concurso, nun prazo de trinta días a partir da publicación do gañador.

- Se os traballos non premiados non se demandan no prazo indicado, Papaventos entenderá que os seus autores renuncian á súa propiedade, podendo destruilos ou darlle o destino que crea máis oportuno.

8ª) PUBLICIDADE
- Os sucesivos anuncios e novas sobre este Concurso de Carteis serán publicados en
www.asociacionpapaventos.blogspot.com e no Boletín do Concello de Vedra.

9ª) NORMAS FINAIS:
- Papaventos resérvase a posibilidade de organizar unha exposición cos carteis presentados sen que iso dea dereito a ningún tipo de retribución para os concursantes.

- Se algún dos autores desexa manter o anonimato en caso de que se celebre a exposición de carteis, deberá expresarllo á Asociación Cultural Papaventos (e-mail:
ac_papaventos@yahoo.es, teléfonos de contacto: 606120655 / 686994089).

- Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.
Anímate e amósanos o artista que levas dentro!!!

20 de out. de 2006

Noraboa, Sariegu!!!

Pronto se cumprirá un ano da viaxe de Papaventos a Asturies, concretamente, a Sariegu. Primeiro foron eles os que, grazas aos lazos de amizade con algúns do grupo (léase Hixi, por exemplo), se achegaron a coñecer Vedra traéndonos como presente a súa arte na danza e no teatro. Logo, tocounos a nós repartir 'Bicos' por esa encantadora vila, que este ano logrou o título de "pueblo ejemplar".
Dende aquí, creo que todos os de Papaventos queremos darlle a noraboa aos sareganos que tan, tan, tan ben nos trataron tanto aquí como alá. A súa cordialidade e bo corazón tiveron premio, e dos oficiais. Tan pronto como Hixi nos deu a nova a nosa reacción foi aplaudir. Por algo será. Mañá moitos estaremos pendentes deles, a ver se os vemos na tele, jeje...

18 de out. de 2006

Unha curta que dará para longo


Os vínculos que o unen con Papaventos son os máis fortes. Os do amor e os da amizade. Quixo contar con nós para facer realidade unha historia que imaxinou, para darlle vida a uns personaxes que tiñan algo que contar. E alá fomos todos a poñernos diante da cámara e tentar dar o mellor de nós. Tierras de Santiago nomeouno hoxe personaxe destacado da semana xunto con outros seis veciños da comarca compostelá. Abelardo Rendo foi o noso director en 'As Farolas', a curtametraxe que estivemos grabando as últimas dúas fins de semana. Dende aquí, queriamos agradecerlle que nos dera a oportunidade de aprender, de compartir e de coñecer. De aprender que non é tan fácil levar adiante un proxecto destas características senunpesoealoloco, que fai falta moita vontade e bondade por parte de todos e moita organización. Que todos somos imprescindibles e que o que de verdade importa é o traballo en equipo. De aprender que, aínda que pareza un tópico, o que graba a cámara e finalmente verá todo o mundo, non sería nada se non fora por todo o que se coce detrás dela. De compartir esta experiencia con uns pedazo profesionais, técnicos e artistas, que te caghas e que ademáis son xente coa que paga a pena compartir máis que unha rodaxe, e como non, con cada un dos piñóns da piña de Andaravía. E por suposto de coñecer a algúns dos actores e actrices máis recoñecidos da escea e do audiovisual galego, de velos traballar de preto, compartir momentos e conversas, aprender deles e volvemos comezar. Por todo iso, GRAZAS. E como escribiu Pepe, que "esta curta se convirta nun largo, largo traballar, largo equipo, longa amizade".

María