Onte, en Teatrofilia, limos o manifesto que escribiu o dramaturgo mexicano Víctor Hugo Rascón para conmemorar esta xornada de reivindicación e homenaxe teatral. Velaquí algúns fragmentos:
O teatro conmove, ilumina, incomoda, perturba, exalta, rebela, provoca, trasgrede. É unha conversa compartida coa sociedade. O teatro é a primeira das artes que se enfronta coa nada, coas sombras e co silenzo para que xurdan a palabra, o movemento, as luces e a vida.
O teatro é un feito vivo que se consume a si mesmo mentras se produce, pero sempre renace das cinzas. É unha comunicación máxica na que cada persoa dá e recibe algo que a transforma.
O teatro ten inimigos visibles, a ausencia de educación artística na nenez, que impide descubrilo e gozalo; a pobreza que invade ó mundo, alonxando ós espectadores das butacas e a indiferencia e o desprezo dos governos que deben promovelo.
Polo que a nós respecta, todo segue vento en popa. Aínda que o tempo destes días parecía propio de tormentas do Amazonas, dinme de conta de que o local de teatro débelles resultar acolledor ós nosos espectadores, porque a asistencia non baixou nada, senón todo o contrario.
Nós estamos encantados, aínda que de vez en cando atopemos "sorpresiñas". Aceptamos críticas, que para iso poñemos á disposición de todos este blog e o correo electrónico, pero non podemos permitir que se falte á verdade. Así que eu direi que:
1) Non sei se tódolos veciños de Vedra lle concederon o privilexio de actuar como portavoz a "Yony", pero dubídoo.
2) As palabras que pon "Yony" en boca de Mourinho non son as mesmas que dixo o futbolista ("Cataluña es un país de cultura y sabéis lo que es el teatro"). Ademais, non entendo moi ben por qué mestura a velocidade co touciño...
3)"Os veciños de Vedra xa nos estamos cansando do teatro do PSOE". Uf, non sei se "Yony" (que volve actuar como portavoz dos veciños vedreses) se refire a que o governo do concello fai teatro ou que. Se é unha crítica neste sentido, o concello ten unha web e un correo para deixar suxestións ou o que se queira, pero unha nova de Teatrofilia non é lugar. Pero como o que di "Yony" se pode entender doutra maneira e dar lugar a equívocos, deixo ben clariño que Teatrofilia é unha mostra organizada pola Asociación Cultural Papaventos, totalmente independente do concello e libre de todo partidismo político. Somos os compoñentes de Papaventos "os que poñemos o lombo e pagamos co noso corpo", como diría Antón, para sacar adiante catro fins de semana de teatro. Polo de agora, non semella que a xente se canse "de ver teatro", ¿ou é que 110 persoas, que foi o mínimo de asistencia polo de agora, non contan nada? Preguntade no Principal de Santiago a ver canta xente ten habitualmente calquera das obras profesionais que poida representarse nel... Governe quen governe, nos intentaremos sempre, sempre seguir con Teatrofilia e co teatro en Vedra, que é a nosa terriña.
Non pretendo influir nos gustos de cadaquén. O teatro, igual que o cine, a lectura ou o deporte, pode gustar ou non, pero non se deben confundir nin termos nin falar do que non se sabe. Non sei se alguén quere engadir algo máis. Eu tan só digo que... ¡viva o teatro! Hoxe toca celebralo.
Sara