6 de dec. de 2006
Faltaranos ti, técnico ben cualificado
Máis bicos ca nunca
1 de dec. de 2006
28 de nov. de 2006
Andaravía no Principal
Pois si, xa temos data para o Principal. O día 7 de decembro ás 21h. estaremos o grupo de teatro Andaravía no Teatro Principal. Non caben excusas tipo "un xoves, que mal, ao día seguinte traballo", que é festivo. As entradas custarán 3 euros na billeteira, a metade se as encargades por adiantado, ben nos comentarios deste post ou se queres manter o anonimato blogueiro manda un correo a ac_papaventos@yahoo.es, porque se reservarían ao teu nome. De todos os xeitos, supoño que non se esgotarán as entradas (non movemos tanta xente como Tosar con Hamlet nin nada, pero aforras para a caña de despois).
Ademais recoméndoche tamén os demais grupos que participan no Festival Agustín Magán, podes consultar as datas e horarios. E toda a información que precisa na páxina da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).
Avisad@ quedas: Andaravía Teatro, coa súa obra Bicos, no Teatro Principal.
*Se queres entradas avisa a poder ser antes do xoves, 30 de novembro.
15 de nov. de 2006
Andaravía en Brión
Para nós foi un verdadeiro luxo poder inaugurar a nova casa da cultura cun público tan acolledor e tan cálido.
E dar as grazas a Alberte, que se ocupa de que os veciños e veciñas de Brión poidan gozar de teatro afeccionado no seu concello, dentro da ampla oferta cultural que programa.
10 de nov. de 2006
Os éxitos de Andaravía
Somos pequeniños, non temos detrás a ninguén que nos sustente, que manteña todo o que temos montado máis que a nosa ilusión, as gañas de soñar e o esforzo. E o apoio de todos vós, veciños e veciñas, amigos e amigas, que fomos atopando no camiño e que nos axudaron a chegar onde estamos agora e cos que agardamos seguir contando.
En novembro de 2001, un feixe de rapaces comezaban a xogar a facer teatro. En decembro de 2006, actuarán no Teatro Principal de Santiago de Compostela. É incrible.
Para nós, que o teatro constitúe unha paixón e unha liberación, chegar ao Principal é unha utopía. O 7 de decembro, os membros da compañía subiranse ao escenario máis importante de Galicia, e repartirán os seus Bicos con máis ilusión ca nunca. Debaixo, nas butacas, amigos, familia, coñecidos e futuros amigos, esperemos que nos acompañedes.
Son os pequenos éxitos de Andaravía.
Dende aquí, quero dar as grazas a varias persoas.
En primeiro lugar, a todos e a cada un dos meus compañeiros, porque se non fose pola implicación de todos nisto, non teriamos conseguido os nosos primeiros éxitos. É marabilloso poder contar cun grupo de amigos coma vós, por moitos anos máis.
Despois a todos os amigos e amigas que nos acompañan en cada representación, que veñen a Teatrofilia e que nos axudan a facer realidade os nosos soños, porque sen eles o noso traballo non tería sentido.
Se Papaventos e Andaravía colleitan éxitos, e por todo o universo que se xerou arredor desta pequena asociación. É máxico. Porque o noso vai máis aló do teatro.
22 de out. de 2006
I Concurso de carteis para Teatrofilia
AS BASES DO CONCURSO SON:
1ª) PARTICIPANTES
- Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non veciños de Vedra, excepto os membros da Asociación Cultural Papaventos.
- Un mesmo autor/a poderá presentar o número de carteis que considere oportuno.
2ª) TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
- Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro, xa que o obxectivo é anunciar Teatrofilia, a Mostra de Teatro Amador de Vedra. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema, sempre e cando promova a difusión de dita Mostra.
- Os creadores dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.
- O tamaño dos carteis é libre, así como a técnica empregada.
- Na parte superior do cartel figurará rotulado:
Teatrofilia e debaixo, cunha tipografía máis reducida,
IV Mostra de Teatro Amador de Vedra
O concursante ten a posibilidade de engadir este lema el mesmo ou de deixar un espazo libre para a súa posterior rotulación.
- Deberase ter en conta que en algún lugar do cartel irán os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia, polo que se recomenda deixar un pequeno espazo libre.
- O xurado deste concurso valorará a orixinalidade do carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.
- As modificacións que teñan que introducirse no cartel a posteriori de cara á súa publicación faranse en colaboración co seu autor.
3ª) PRESENTACIÓN
- A data límite para a presentación de carteis é o 31 de xaneiro de 2007.
- En ningún caso o cartaz deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.
- Os concursantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación do autor ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do arquivo en soporte informático e unha carta na que se indique o nome e o teléfono de contacto do autor/a.
- Os sobres pechados xunto cos carteis presentaranse no Concello de Vedra ou poderán remitirse á seguinte dirección:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9
CP 15885, Vedra (A coruña)
4ª) PREMIOS
- O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.
- Todos os participantes deste concurso serán obsequiados cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia.
5ª) XURADO
- O Xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.
- Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio en caso de que ningún cartaz acade os requisitos demandados.
- O fallo do xurado darase a coñecer aos 15 días seguintes da finalización do prazo de entrega a través deste mesmo boletín e do blog de Papaventos, www.asociacionpapaventos.blogspot.com.
- O veredicto do xurado será inapelable.
6ª) TRABALLOS PREMIADOS
- O cartel que resulte elexido para anunciar a IV edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso á Asociación Cultural Papaventos e poderá ser utilizado sobre calquera soporte gráfico, Internet, merchandising, etc.
- O autor/a do cartel gañador recibirá os 250€ o día da inauguración de Teatrofilia IV.
7ª) TRABALLOS NON PREMIADOS
- Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores unha vez resolto o concurso, nun prazo de trinta días a partir da publicación do gañador.
- Se os traballos non premiados non se demandan no prazo indicado, Papaventos entenderá que os seus autores renuncian á súa propiedade, podendo destruilos ou darlle o destino que crea máis oportuno.
8ª) PUBLICIDADE
- Os sucesivos anuncios e novas sobre este Concurso de Carteis serán publicados en www.asociacionpapaventos.blogspot.com e no Boletín do Concello de Vedra.
9ª) NORMAS FINAIS:
- Papaventos resérvase a posibilidade de organizar unha exposición cos carteis presentados sen que iso dea dereito a ningún tipo de retribución para os concursantes.
- Se algún dos autores desexa manter o anonimato en caso de que se celebre a exposición de carteis, deberá expresarllo á Asociación Cultural Papaventos (e-mail: ac_papaventos@yahoo.es, teléfonos de contacto: 606120655 / 686994089).
- Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.
20 de out. de 2006
Noraboa, Sariegu!!!
18 de out. de 2006
Unha curta que dará para longo
Os vínculos que o unen con Papaventos son os máis fortes. Os do amor e os da amizade. Quixo contar con nós para facer realidade unha historia que imaxinou, para darlle vida a uns personaxes que tiñan algo que contar. E alá fomos todos a poñernos diante da cámara e tentar dar o mellor de nós. Tierras de Santiago nomeouno hoxe personaxe destacado da semana xunto con outros seis veciños da comarca compostelá. Abelardo Rendo foi o noso director en 'As Farolas', a curtametraxe que estivemos grabando as últimas dúas fins de semana. Dende aquí, queriamos agradecerlle que nos dera a oportunidade de aprender, de compartir e de coñecer. De aprender que non é tan fácil levar adiante un proxecto destas características senunpesoealoloco, que fai falta moita vontade e bondade por parte de todos e moita organización. Que todos somos imprescindibles e que o que de verdade importa é o traballo en equipo. De aprender que, aínda que pareza un tópico, o que graba a cámara e finalmente verá todo o mundo, non sería nada se non fora por todo o que se coce detrás dela. De compartir esta experiencia con uns pedazo profesionais, técnicos e artistas, que te caghas e que ademáis son xente coa que paga a pena compartir máis que unha rodaxe, e como non, con cada un dos piñóns da piña de Andaravía. E por suposto de coñecer a algúns dos actores e actrices máis recoñecidos da escea e do audiovisual galego, de velos traballar de preto, compartir momentos e conversas, aprender deles e volvemos comezar. Por todo iso, GRAZAS. E como escribiu Pepe, que "esta curta se convirta nun largo, largo traballar, largo equipo, longa amizade".
María
28 de set. de 2006
Teatro e Power pop
Só me queda dicir... Parabéns para o Cactus e a por outro ano máis!!!!
21 de set. de 2006
Última hora
19 de set. de 2006
O retorno
12 de xul. de 2006
Extra, extra!!!
8 de xuño de 2006
Vacacións!!
19 de maio de 2006
Directamente nós
Era en Santa Cruz de Rivadulla (Vedra), ía moita calor, un sol inmenso veu á estrea de Directamente Nós, a retransmisión en directo da TVVE, a televizión de Vedra, a televizión que maiz ze ve!!!
De man de Rita Carballo, esa presentadora que lucía roda no escenario, e de Pelaez, esa reporteira que sempre estaba onde se cocen as fabas, xurdía a maxia do teatro. Mister Smith, os nosos augardenteiros, os nosos marchosos, ata o cura, as concentracións e o Z non se podían perder o proxecto que Pepe Penabade fixera realidade, impulsado por Nande, o que naquel entón era o concellal de cultura.
Hoxe, catro anos despois, non podemos deixar de facer un guiño ao día en que máis emoción sentimos probablemente na nosa vida, aínda que dese día só quedemos catro ou cinco.
Permitídime evocar un dos momentos sen dúbida máis bonitos do día: todos e todas sentados ao borde do escenario, mirando a Pepe Penabade que nos dicía que antes que nada, "gozade do momento, pasádeo ben, porque este é o voso momento".
Sen Penabade, hoxe non seriamos o que somos, que tampouco significa que sexamos moito, pero para nós ese pouco é moito.
Eu (Eli) quero darlle hoxe ás grazas a Pepe, por seguir ao noso lado despois de tanto tempo, a Sara, María Gaiteiro e a Antón, porque resistiremos, a Hixi, porque ese día era corpo de baile pero hoxe xa é moito máis, e aos meus outros e outras compañeiras (non digo os nomes que senón é un coñazo...) porque permitiron que Papaventos sexa moito máis que unha asociación cultural ou que un grupo de teatro. Por último, unha aperta moi forte para todos e todas aqueles que aquel día compartiron escenario connosco, pero que por diversos motivos xa non están con nós, porque sentimos o cariño na distancia.
Somos unha familia, nos os trece, mamás, papás, irmáns, primos, moz@s, amig@s. Esa gran familia que é hoxe Papaventos, que queremos que sexa cada vez maior, porque a maxia do teatro uniu a moita xente. Esa familia que alumou un proxecto impensable noutrora, Teatrofilia, o noso fillo predilecto, que queredes que vos diga, do que máis orgullosos estamos.
Pero temos que acordarnos de onde vimos, da obra que máis éxito nos deu: Directamente Nós. Feliz cumpreanos a todo o equipo da TVVE.
17 de maio de 2006
Última actuación da tempada
De todos modos non te preocupes, porque se quedas falt@ de "bicos", en outubro retomaremos a andaina, e de momento sabemos que os nosos beijinhos chegarán ata Matamá (Vigo), Milladoiro (Ames) e Noia.
Pero de momento, xa sabes: venres 19 de maio, Muros, ás 22,00 horas.
27 de abr. de 2006
Luba TV
O programa parte como elemento central da liga universitaria de baloncesto, que se celebrará no pavillón de deportes do campus vigués, desde onde o presentador Raúl Piñeiro guiará o programa para enlazar logo coas distintas actividades artísticas que se amosen. Esta novidosa Liga, na que os equipos son mixtos, conta coa colaboración dos tres campus galegos e do portugués de Porto, iniciando así a primeira liga televisiva universitaria galego-portuguesa.
O baloncesto serve a LUBA TV como reclamo para conectar coa mocidade galega, a través dun deporte dinámico que ten unha imaxe positiva. Como premio, o programa entregará ao equipo gañador unha viaxe a EE.UU. para asistir a un partido da NBA.
Mergullando nas materias artísticas que toca o programa, a música apostará polos valores da cultura autóctona, polos grupos galegos e portugueses; o baile atenderá a distintas formacións de danza moderna; os duólogos presentaranse como unha especialidade cómica para a crítica e o humor, cuxos intérpretes se seleccionarán dos tres campus galegos, e tamén haberá reportaxes sobre o deporte base. O novidoso espazo tamén dará oportunidade a un equipo de xente allea ao programa para que filme a súa visión do que sucede nunha gravación de LUBA TV, que exercerá como director convidado."
"(...) na sección duólogos, dous estudantes de Xornalismo, María e Eliana, e un de informática, Alfonso, terán a oportunidade de amosar o seu talento;"
Iso foi a semana pasada: tres papaventos marchamos para Vigo a amosar talento! E bueno, pois fixemos o que puidemos. Esta semana recomendamos que non volo perdades, porque de novo, ás 16,25, este sábado, 3 papaventos volverán demostrar toda a súa valía. María M. (para diferenciala da G.) e Alfonso repetirán, e Hixi, despois de triunfar no seu papel dramático de Rías Baixas, demostrará que está preparado para protagonizar Al salir de clase, en sendos duólogos ;P. Nada, que a ver se é unha boa plataforma, pero polo visto unha de nós xa tivo múltiples chamadas de produtoras, jajaja.
A parte diso, comentar que o vindeiro día 6 actuaremos en Zas, en Baio. E o 19 de maio será en Muros. Xa concretarei horas, pero é que como teño a cabeciña a compoñer...
No relativo ás enquisas, agradecer profundamente ás 101 persoas que voluntariosamente, en especial ás 72 que non levastes o boli para casa ;), cubristes o papeliño e nos demostrastes un profundo afecto. Para nós é moi importante saber que contamos co voso apoio para o ano que ven, e que o noso traballo, porque hai moito traballo detrás, está dando os seus froitos. Graciñas, de verdade. Case todos os comentarios, salvo algún que pasa neng, mostraban o voso cariño e o voso apoio. Grazas, en serio. Se non estivesedes aí non sería posible. Así demostramos que o teatro en Vedra funciona, vaia se funciona.
Nós, despois dunhas pequenas vacacións, xa nos poñeremos mans á obra porque queremos que cada ano Teatrofilia sexa mellor. Graciñas, de corazón. E nada, a ver os talentos de Papaventos este sábado!!!